21 jun Tradicións de San Xoán
Estamos a piques de celebrar o San Xoán, a noite meiga por excelencia e unha das maiores festas da nosa cidade. Unha celebración coa que lle damos a benvida ao verán.
Na entrada de hoxe queremos falarvos dalgunhas tradicións e ritos para celebrar esta noite por todo o alto.
Lumeiradas
A principal tradición que asociamos con esta noite son as lumeiradas que se encenden na tarde noite do día 23 e que reflicten o poder máxico e purificador do lume. Segundo a tradición, debemos saltar a lumeirada cando o lume está casi consumido mentres recitamos:
«Salto por riba do lume de San Xoán, para que non me morda cadela nin can nin bicho vivinte que ande polo chan».
En canto ao número de veces que temos que saltar para que se cumpla o obxetivo máxico temos distintas teorías: Hai quen di que son 3 (xa que este número representa a Trinidade), 7 (que representa a totalidade) ou 9 (o número da perfección).
Herbas de San Xoán
Segundo a tradición a augas das plantas deixadas ao rocío da noite de San Xoán poseen propiedades máxicas. E ás herbas atribúeselles propiedades terapéuticas e medicinais.
E cales son estas plantas? Pois tamén hai distintas opinións, pero hai sete que non deben faltar:
- Fiuncho: Dise del que espanta o mal de ollo e que é moi efectiva contra as inflamacións de ollo e as malas dixestións.
- Fento macho: Conta a lenda que só florece na Noite de San Xoán e á mañá seguinte volve á súa forma orixinal. As meigas usábano para volver á xente invisible. E é un dos antiparásitos naturais máis efectivos.
- Xesta: Utilízase para barrer os malos espíritos.
- Abeloura ou herba de San Xoán: Seica que bota ao demo da casa. Ademáis era empregada como cicatrizante e antiséptico.
- Malva: Cura os nervos, a bronquitis ou os problemas dixestivos.
- Romeu: Considérase a maior protectora dos fogares durante a Noite de San Xoán. Tamén se di que empregaba para curar o reuma, a artritis e os males da garganta.
- Herba luisa: Din que atrae o amor.
E agora que xa coñecemos as herbas, imos ver cómo preparar a auga para elas. Debemos recollela de sete fontes distintas e despois poñeremos as herbas nesta auga, onde as deixaremos reposar no exterior durante toda á noite.
Á mañá seguinte, o primeiro que debemos facer tras nos levantar é lava-la cara con ese auga para cura-la pel e espantar os malos agoiros até o ano próximo .
Comida
E rematamos coa comida típica deste día que sen dúbida son as sardiñas con pan de brona porque como ben sabemos nestes lares «Polo San Xoán a sardiña molla o pan«.
E como a noite de San Xoán é a noite do lume que mellor que rematar a festa que cunha boa queimada?
E qué precisamos para facer a queimada? Pois augardente, azúcar, grans de café e mondas de limón, laranxa e mazá.
Vertemos o augardente nunha ola de barro e uns 100 grs de azúcar por litro, as mondas de froita xunto co café e removemos ate que o azúcar comece a se disolver.
Nun cazo colleremos un pouco de augardente e prenderémoslle lume que acercaremos á ola pra que queime todo o augardente. A partires dese momento, remexeremos o lume (ate que se consuma o alcohol) levantando de cando en vez o cazo para crear unha cascada de lume sobre o recipiente. Ao tempo que recitamos o Conxuro da queimada:
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.
Demos, trasgos e diaños,
espritos das nevoadas veigas.
Corvos, pintigas e meigas,
feitizos das menciñeiras.
Podres canhotas furadas,
fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas,
mal de ollo, negros meigallos,
cheiro dos mortos, tronos e raios.Oubeo do can, pregón da morte,
fouciño do sátiro e pé do coello.
Pecadora língoa da mala muller
casada cun home vello.
Averno de Satán e Belcebú,
lume dos cadávres ardentes,
corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernais cús,
muxido da mar embravescida.Barriga inútil da muller solteira,
falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.Con este fol levantarei
as chamas deste lume
que asemella ao do inferno,
e fuxirán as bruxas
a cabalo das súas escobas,
índose bañar na praia das areas gordas.¡Oíde, oíde! os ruxidos
que dan as que non poden
deixar de queimarse no agoardente,
quedando así purificadas.E cando este brebaxe
baixe polas nosas gorxas,
quedaremos libres dos males
da nosa ialma e de todo embruxamento.Forzas do ar, terra, mar e lume,
a vós fago esta chamada:
si é verdade que tendes máis poder
que a humana xente, eiqui e agora,
facede cos espritos
dos amigos que están fora,
participen con nos desta queimada
E con isto xa teriamos lista a nosa queimada. Só queda degustala.
Coñecedes outras tradicións asociadas con esta noite? Encantaríanos que se é así as compartirades con nós.
No Comments